|
Maristas Ourense 3 - ClubDeportivoMaceda 1 Saltaron os nosos infantís ao campo do Parque Tecnolóxico cun equipo titular no que destacaban as ausencias dalgúns habituais no once infantil. Sorprendía especialmente a titularidade dos alevíns Iván Otero e Dani na punta de ataque, máis tamén a praza no banquiño de Adrián Gavilanes e Xaime ou a ausencia na convocatoria de Ramón. Segundo os monitores do equipo, Lucas e Formoso, a intensidade dalgúns xogadores nos últimas semanas de adestramento tense reducido de xeito brusco e iso estase a ver reflectido tanto nas oportunidades que están a ter os que manteñen a intensidade de meses atrás, así como no xogo e nos resultados do equipo.
O certo é que o encontro comezou cun amplo dominio dos ourensáns que non remataría ata que, nunha acción a balón parado e logo do rexeite do gardameta Borja, se adiantasen no taboleiro. A raíz deste gol o ClubDeportivoMaceda sacudiuse o dominio e comezou a crear as súas mellores ocasións, entrando por ámbalas bandas, onde Xose e Esteban desequilibraban pero sen chegar a materializar o perigo. Non sería ata o minuto 10 da segunda metade cando Gavilanes, rque acababa de entrar no terreo de xogo, acadaría o empate logo dun barullo na área no que foi o único capaz de conectar coa bola. O empate non asustou ao equipo de Maristas e pouco a pouco volveron a tomar dominio do encontro, un novo gol nun erro defensivo tombou definitivamente aos nosos. Arriscamos entón na busca dun posible empate e a xogada saíu mal, nunha contra os ourensáns colleron a nosa defensa descolocada e Pablo só puido chegar para facer penalti e gañarse a expulsión. Gol, partido rematado e derrota merecida. |