|
ClubDeportivoMaceda 1 – E.M.F. Arenteiro 4 Disque a sorte hai que buscala e así foi como veu a Maceda un Arenteiro infantil que, co campionato de liga xa nas mans, continuou empregando as mesmas armas futbolísticas coas que xa derrotara aos nosos no partido de ida; posesión e circulación de balón… por se a sorte chega e hai que empurrala cara o fondo das maias. O encontro, ao contrario do que reflicte o taboleiro, estivo igualado e os dous equipos gozaron das súas oportunidades e tiveron os seus intres de dominio. Comezaron pegando os do Carballiño mediada a primeira parte, cunha internada por banda dereita ante a que o cancerveiro macedán Borja non deu reaccionado a tempo.
Tomaron entón os vermellos o control do encontro e viñeron os nosos mellores minutos; un par de tiros afastados de Carlitos e Xaime, unha parede dentro da área con remate final de Adri Gavilanes e por riba de todo un zapatazo de Xose que se colou pola escuadra, situaban aos nosos ao carón do líder, tanto no marcador coma por xogo. Tivemos quince minutos máis de cara a cara, pero finalmente a balanza comezou a caer de parte do Arenteiro. Continuamos na loita, porén a pelota empezou a ser un ben cun só dono que, curiosamente, tiña a sorte de cara… e os goles no seu peto. |