|
1. PRESENTACIÓN Este proxecto nace coa intención de servir de guía para o desenvolvemento e consolidación da Escola de Fútbol Concello de Maceda- Club Deportivo Maceda nos vindeiros tres anos.
Coa finalidade de darlle unidade a tódalas accións que se porán en marcha durante este período, creouse a denominación de “Proxecto 3”, xa que as actividades se materializarán en tres anos e se encamiñarán á consecución de tres obxectivos fundamentais. 
As dúas entidades encargadas de xestionar e levar á práctica este novo proxecto son o Concello de Maceda e o Club Deportivo Maceda, representados nas persoas do concelleiro da área de deportes do Concello, Xulio Conde Blanco, e o presidente da entidade deportiva, Lucas Domínguez González.

2. OBXECTIVOS
O “Proxecto 3” xurde da vontade do Concello de Maceda e do C.D. Maceda de transmitir a necesidade de recupera-lo lado humano, lúdico e educativo do deporte, para o cal é imprescindible a achega e participación de tódolos sectores da nosa vila.
 Consideramos a competición como un elemento máis co que é necesario entenderse, porén entendemos que a nosa actividade debe ir encamiñada a educar, sendo o fútbol unha ferramenta máis para transmitir valores tan importantes como o compañeirismo, o traballo en equipo, o respecto ó adversario, o logro de obxectivos mediante o esforzo, e por riba de todo o saber convivir co triunfo e a derrota. A nosa intención é chegar ó maior número de persoas, de tódalas idades e condicións, transmitindo a nosa ilusión polo deporte e facéndolles crer na posibilidade de aporta-lo seu gran de area ó noso proxecto.
Estas ideas de partida concrétanse en 3 obxectivos que marcarán o noso traballo nos 3 vindeiros anos:
Cambio de mentalidade; fomento da participación.
Ascenso do primeiro equipo á primeira categoría provincial.
Novas instalacións. 2.1. Cambio de mentalidade; fomento da participación. Nas últimas décadas o fútbol provincial ten traballado sobre un modelo deportivo cun marcado carácter directivista, perdeuse a implicación e participación dos socios no día a día dos clubs. Os socios, xogadores, e pais e nais dos rapaces de categorías base, ven o club como algo alleo, algo que un grupo de persoas xestionan de mellor ou peor xeito, e que lles cubre unha parte do seu tempo de ocio. Queremos desterrar a idea de que as categorías base de fútbol son unha simple “gardería” na que os cativos están ocupados durante unhas horas á semana, e por en valor todo o potencial que o deporte nos ofrece. O “Proxecto 3” busca un cambio nesa mentalidade, pretende o fomento dunha actitude participativa centrada nos equipos base. Pensamos que o único xeito de que a Escola de Fútbol cumpra cos seus obxectivos sociais, lúdicos e educativos é xurdindo do esforzo dos membros que a integran; xogadores, pais, socios, directiva, monitores... Levaremos a cabo distintas accións como o fomento da colaboración dos socios, a creación dunha páxina web, o establecemento dun premio que valore a implicación dentro da Escola... 2.2. Ascenso do primeiro equipo á primeira categoría provincial. O C.D. Maceda por historia, tradición e pola poboación que involucra debe ter un sitio na primeira categoría do fútbol provincial. Na última década tense participado en varias ocasións nesta categoría, noutras moitas o equipo quedou ó borde do ascenso. En todo caso os distintos proxectos non chegaron a consolidarse plenamente, nós estamos convencidos de que é totalmente factible un equipo integrado por xente de Maceda na Primeira Rexional. Este segundo obxectivo valórase como un estímulo tanto para os xogadores das categorías inferiores como para os socios e a xente que colabora co club. A diferenza a nivel deportivo, organizativo e de seguimento polos medios entre a primeira e a segunda categoría provincial é notable, e pensamos que un ascenso melloraría a valoración e imaxe tanto da vila como do C.D. Maceda. Seguiremos apostando polo traballo coas categoría inferiores e a xente do pobo. Trataremos de mellorar as instalacións e as condicións deportivas do primeiro equipo. Poremos énfase en facer do grupo un auténtico equipo baseado na confianza e na amizade. 2.3. Novas instalacións.
O feito de ser un dos poucos clubs da provincia que é propietario do seu propio campo ten marcado, durante estes derradeiros anos, a dispoñibilidade dunhas instalacións funcionais e modernas para o noso club.
O C.D. Maceda como entidade, non é capaz de xerar liquidez suficiente como para afronta-la construción dunhas instalacións deportivas acorde cos nosos tempos e co número de licencias coas que contamos hoxe en día. A realidade móstranos unhas instalacións obsoletas, construídas fai 30 anos, e que son insuficientes para dar un bo servizo ós máis de 100 xogadores da Escola de Fútbol e do primeiro equipo.
Creemos que é o momento de afrontar esta situación, buscaremos xunto coas institucións competentes o xeito de financiar unhas instalacións deportivas modernas no Concello de Maceda
3. ORGANIGRAMA
O organigrama do club diferenciará claramente as dúas estruturas que lle dan entidade. Dun lado temos a Escola de Fútbol, cun marcado carácter formativo e dependente do Concello, e polo outro lado o C.D. Maceda, co Equipo de Modestos e o Equipo de Vetaranos. A Xunta directiva contará entre os seus membros, cando menos, cun Presidente, un Vicepresidente, un Secretario e dous Vocais. As súas responsabilidades son a dirección e coordinación de tódalas actividades do club.
O Coordinador da Escola de Fútbol e o Responsable do C.D. Maceda serán os encargados de xestionar o día a día de cada unha das súas áreas.
Os Monitores teñen a responsabilidade absoluta sobre o seu equipo e deberán actuar en coordinación cos demais monitores e de conformidade co Coordinador, buscando sempre o mellor para cada un dos rapaces que forman parte da Escola. Cada Monitor contará coa colaboración dun axudante tanto para o desenvolvemento dos adestramentos como os días de celebración dos partidos.
Os Adestradores dos equipos de Modestos e Veteranos asumen plena responsabilidade sobre os seus equipos. O Adestrador de Modestos estará en comunicación permanente co Coordinador da Escola de Fútbol para seguir a evolución daqueles rapaces con posibilidades de participar no primeiro equipo. 4. ESCOLA DE FÚTBOL
4.1. Infraestrutura
O C. D. Maceda, por medio do convenio firmado co Concello de Maceda, cédelle a este o uso dos terreos do Campo Cardenal Quiroga para o desenvolvemento das actividades da Escola de Fútbol e a organización de calquera outro evento.
Segundo o convenio firmado, o encargado do mantemento das instalacións será o Concello de Maceda. A continuación detállase unha lista das accións necesarias para un correcto mantemento das instalacións e a periodicidade axeitada:
- Adecuación do Campo e dos vestiarios
Prazo: anual, derradeira semana de Xullo e primeira de Agosto.
Accións: limpeza e adecuación dos vestiarios, debroco dos arredores do campo (bandas, gradas, zona do bar e vestiarios), acondicionamento do terreo de xogo, revisión da caldeira e das instalacións de fontanería e electricidade. - Limpeza de vestiarios
Prazo: despois de cada adestramento ou partido.
Accións: limpeza dos vestiarios local, visitante e árbitro.
- Pintado do campo
Prazo: antes de cada partido.
Accións: pintado das liñas do terreo de xogo.
- Paso da carrasca
Prazo: semanal, sábado á primeira hora da mañá ou a última hora da tarde.
Accións: achaiado do terreo de xogo pasando a carrasca.
- Limpeza das bancadas
Prazo: semanal.
Accións: varrido das bancadas e corredores do campo e recollida do lixo das papeleiras.
Por outra banda o Concello pon a disposición dos equipos da Escola de Fútbol as instalacións deportivas coas que conta, previo aviso e sempre que non interfira no desenvolvemento das actividades que lle son propias. 4.2. Persoal
A continuación pásase a describir as necesidades de persoal para levar a cabo o proxecto. Defínense tamén as competencias necesarias (inclúese un dicionario de competencias como Anexo I) e as funcións propias de cada un dos postos. Nunha situación ideal, estes postos deberían contar cun anexo de carácter anual no que se inclúan os nomes das persoas que van desempeñar esas funcións durante a tempada, e que debería estar pechado a comezos do mes de Xullo. - Coordinador da Escola de Fútbol.
Necesidades: 1 persoa.
Competencias: iniciativa, creatividade, capacidade para planificar, habilidades de xestión dos recursos dispoñibles, comprensión da organización como sistema, capacidade para liderar o traballo en equipo, sensibilidade interpersoal, habilidades comunicativas, competencias técnicas de manexo das novas tecnoloxías e dos fundamentos do fútbol base.
Funcións: - Xunto coa Directiva seleccionará os monitores de cada un dos equipos das categorías inferiores. - Elaboración do cadro de xogadores de cada categoría, tramitación da documentación precisa para a participación nas competicións oficiais. - Establecemento e seguimento dos horarios de adestramento dos distintos equipos. - Formalización das pautas de comportamento individuais e grupais esixidas e das posibles sancións que leven parellas. No seu caso será encargado de decidir ditas sancións. - Coordinación de tódalas accións necesarias para o desenvolvemento dos partidos; datas, horarios, desprazamentos, uniformes, control de sancións... - Actualización da páxina web. - Formalizará e coordinará o traballo técnico e táctico levado a cabo polos monitores de cada categoría. - Fomento da participación de rapaces e pais, facilitando a comunicación dos socios coa Escola. - Monitor de equipo base.
Necesidades: 4 persoas.
Competencias: iniciativa, comprensión da organización como sistema, capacidade para liderar o traballo en equipo, sensibilidade interpersoal, habilidades comunicativas, competencias técnicas dos fundamentos do fútbol base.
Funcións: - Xunto cos demais adestradores e o Coordinador da Escola establecerá as directrices técnicas e tácticas a seguir durante a tempada. - Será o encargado de por en marcha as actividades do seu equipo. - Asesorará ó Coordinador da Escola na elaboración do cadro de xogadores para a súa categoría, así como no establecemento dos horarios dos adestramentos. - Organización e dirección dos adestramentos. - Control do cumprimento das pautas de comportamento individuais e grupais esixidas e comunicación das posibles desviacións ó Coordinador da Escola.
- Monitor auxiliar de equipo base.
Necesidades: 4 persoas.
Competencias: comprensión da organización como sistema, sensibilidade interpersoal, sociabilidade, traballo en equipo, proactividade.
Funcións: - Prestará axuda en todo momento ó Monitor do seu equipo. - Encargado de cubrir as formalidades propias dos partidos; entrega de fichas, recollida da acta... - No caso da eventual lesión dun xogador, acompañará o xogador mancado, xestionando a súa atención médica. - Nos intres nos que o Monitor non teña dispoñibilidade asumirá as súas funcións e responsabilidades.
- Coidador das instalacións e do material deportivo.
Necesidades: 1 persoa.
Competencias: iniciativa, comprensión da organización como sistema, compromiso, adaptabilidade, meticulosidade, competencias técnicas de mantemento de instalacións e carné de conducir.
Funcións: - Será o encargado da limpeza dos vestiarios, da zona de bancadas e dos corredores anexos o terreo de xogo. - Pintado do campo antes de cada partido. - Achaiado do terreo de xogo mediante o paso da carrasca. - Será o encargado da recollida do lixo e de por os contedores a disposición da empresa xestora do lixo. - Reparación de calquera desperfecto que se produza nas instalacións ou, no caso de non estar capacitado, comunicación da situación ó Concello para o seu arranxo.
4.3. Accións específicas
- Premiar os principios da Escola.
Dende a Escola de Fútbol do Concello de Maceda entregarase un galardón anual que premiará ó xogador de cada unha das categorías base e do primeiro equipo que máis destaquen pola defensa dos principios que defende este proxecto: implicación na organización, compañeirismo, traballo en equipo, respecto ó adversario, logro de obxectivos mediante o esforzo, e convivencia co triunfo e a derrota.
Apostaremos pola creación dun trofeo que sexa orixinal e propio da zona, e que sirva de motivación para o progreso persoal de cada un dos rapaces das categorías inferiores. Pensamos en recuperar dalgún xeito a cerámica de Tioira/ Niñodaguia creando o “Balón de Cerámica”.
- Socios da Escola.
Un dos xeitos de financiamento do proxecto serán as achegas dos socios da Escola de Fútbol. Establecerase unha cota anual de 60 € para cada familia que teña un rapaz que forme parte dos equipos, a contía no caso de ser dous membros da familia sería de 100 €.
Esta suma da dereito a participar en todas as accións levadas a cabo pola Escola así coma á indumentaria oficial dos equipos que se comporá dun chándal e un polo.
- Creación páxina web.
Coa finalidade de fomenta-la participación de tódolos macedáns nas actividades organizadas dende o club, crearase unha páxina web que recolla a historia do C. D. Maceda, que ofreza información semanal dos partidos do fin de semana de tódalas categorías, os resultados obtidos polos nosos equipos, os integrantes de cada unha das plantillas, fotografías de anos anteriores, entrevistas a membros da Escola, tenda de artigos relacionados co equipo...
- Trípticos informativos C.D. Maceda e Escola de Fútbol.
Crearemos uns soportes que se poidan actualizar semanalmente e que conteñan a información sobre tódolos partidos que se disputen no fin de semana, os resultados obtidos a semana anterior, e as clasificacións dos nosos equipos. Estes trípticos colocaranse en lugares estratéxicos para a súa lectura, bares, locais sociais, pavillón dos deportes...
|